Detalle

As mozas e mozos do Ecotur Xuvenil visitaron as instalacións da Escola de Cantería da Deputación

As 14 persoas participantes no III obradoiro de emprego 'Ecotur Xuvenil', de Santiago de Compostela, puideron coñecer de primeira man o traballo que se fai na Escola

26 de decembro de 2017

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra recibiu a visita das e dos participantes no III obradoiro de emprego 'Ecotur Xuvenil', de Santiago de Compostela, que están a manter as zonas verdes e a colocar pedra natural no tramo do río Sar entre Ponte Suarribas e Ponte da Fervenza, ademais de recibir formación teórica sobre a utilización de ferramentas e maquinaria e sobre riscos laborais.

Os mozos e mozas que participan neste obradoiro, menores de 30 anos, puideron coñecer de primeira man os traballos que desenvolve o alumnado da Escola de Cantería e as súas experiencias de colaboración en diferentes países do mundo.

Os estudos que realizan as e os alumnos na Escola de Cantería son eminentemente prácticos, por iso as saídas e visitas de estudos forman parte integral do proxecto educativo do centro. Froito desta formación práctica moitas das obras de arte, como cruceiros, monolitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas que levan a cabo as alumnas e alumnos están a ser situadas en diferentes lugares de Galicia, do resto de España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas están a traballar na restauración do Capitolio de Washington e do barrio do Chiado de Lisboa, así como a desenvolver actuacións de rehabilitación da catedral de Santiago e da de Westminster, en Londres, e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.